Nace FACENDO EMPRESA, a marca das sociedades laborais galegas

As sociedades laborais terán unha ferramenta de identidade de uso gratuito.

Facendo Empresa é unha nova marca colectiva galega que se lanza co obxectivo de facilitarlle aos consumidores a identificación dun tipo de empresas, de sectores moi diversos, mais cuns valores comúns que están en alza: as Sociedades Laborais.

A marca, propiedade de AESGAL, conta co apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.

 

As Sociedades Laborais son parte da Economía Social   Curiosamente, pese a estar preto de alcanzar os 30 anos de vida, as súas peculiaridades son descoñecidas para gran parte da sociedade. Son máis de seiscentas empresas en Galicia e millleiros a nivel de toda España, xerando produtos e servizos de todo tipo e, o máis importante: emprego estable e con capacidade de decisión.

 

As características que unen a este tipo de empresas representan un xeito de entender os negocios moi diferente ao que adoita ser habitual. Entre as súas características máis destacadas estan:

-Ser sociedades anónimas e limitadas onde os donos das empresas son os propios traballadores.

-O beneficio económico non é o fin último, senón as persoas e os intereses que estas teñen en común.

-Son empresas galegas de tódolos sectores, que traballan cooperando e ofrecen produtos e servizos de calidade.

-Crean traballo estable e son socialmente responsables.

-Crean comunidade cos seus clientes e provedores, e coa contorna social onde están ubicadas.

 

Obxectivos da marca

O obxectivo fundamental da marca é que as sociedades laborais galegas teñan unha ferramenta para explicarse a sí mesmas ante os seus clientes, provedores e sociedade en xeral.

Facendo Empresa pretende facilitar a elección das sociedades laborais por parte das persoas que optan por un consumo responsable e, cando é posible, polo comercio local.


O fomento das relacións empresariais internas, xa sexa como clientes, proveedores ou socios será outra das claves do funcionamento da marca. A cooperación empresarial é unha estratexia na que AESGAL ven traballando nos últimos anos, fomentando a creación de equipos de traballo de distintas sociedades laborais na contorna da cultura, as artes gráficas ou as asesorías. O colectivo de cultura xa está a funcionar de forma estable baixo a denominación de Brain Galicia.

Para facilitar este tipo de sinerxias vaise realizar unha primeira Xornada de networking e speedmeetings o vindeiro martes 29 de setembro no Hotel Ruta Jacobea, nas proximidades de Santiago de Compostela.

Podes informarte sobre a marca premendo sobre a seguinte imaxe:

 

 

+ noticias >>