GAÑADORAS CONCURSO PROXECTOS VISIBLES

O pasado 29 de outubro tivo lugar a reunión do xurado do concurso PROXECTOS VISIBLES, promovido pola Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) e financiado pola Consellería de Traballo e Benestar dentro da Rede Eusumo de promoción da economía social.

Os proxectos gañadores do concurso Proxectos Visibles son Avanza Gestión SLL, Escompring, e Metal Ferrol SAL. A reunión do xurado, que tivo lugar onte, tras o peche da votación on line, decidiu por unanimidade a posta en valor destes tres proxectos no ámbito das sociedades laborais e a economía social. 

Categoría A: Sociedade Laboral de recente creación: AVANZA GESTIÓN SLL. O xurado valorou desta candidatura o reciclaxe do persoal da empresa dun sector tradicional para constituír unha sociedade laboral na que prime o coñecemento, e a aposta polas novas tecnoloxías. Na opinión do xurado, a empresa transmite unha idea de negocio nesta aposta pola innovación e polas persoas, que pode posicionar á empresa e diferenciala doutras do seu sector.

As empresas finalistas desta categoría foron, ademais da gañadora, AUREATIC SLL, VILAMINCHA SLL E IMPERNOROESTE SLL.

Categoría B: Proxecto social: ESCOMPRING. O xurado considera que o Proxecto cumpre os principios máis importantes da economía social, xerando valor no traballo dos produtores, desafiando ás grandes superficies, primando ás empresas de contornos rurais, e por tanto fixando á poboación nestes contornos, e todo iso a través do uso das novas tecnoloxías. O feito de primar o traballo artesanal e ás empresas produtoras, e a aposta por un modelo comercial máis xusto para vendedores e compradores foron os motivos aducidos polo xurado para conceder este premio.

As entidades finalistas desta categoría foron APPEIROS MOBILE DEVELOPMENT SLL (coa aplicación Bochoio), o Refuxio de Animais Cometa, e o programa Alcer de exercicio para enfermos crónicos e familiares.

Categoría Mención Honrosa: METAL FERROL SAL. Neste caso esta empresa, constituída no ano 1993, e pertencente ao sector industrial na zona de Ferrolterra, foi premiada por considerala un exemplo de superación e de integración. Nunha zona xeográfica que está a sufrir a crise de maneira profunda, nun sector tradicional por excelencia, o xurado considera que están a buscar novos camiños de comunicación mantendo á filosofía de sociedade laboral que teñen dende hai vinte anos, e o compromiso co seu contorno e coa sociedade na que viven, e que son un exemplo neste sentido.

Nesta categoría ás empresas finalistas, todas a proposta dos membros do xurado, foron (ademais da gañadora) Xeneme Proxectos Sociais SLL, Ozono Multimedia SLL e Librería Universitaria Sur Galicia SLL.

 

O Concurso Proxectos Visibles tiña coma obxectivo, ademais de xerar comunidade ao redor das sociedades laborais e dalas a coñecer, identificar proxectos de fóra da economía social que seguen os nosos principios, e salientar o importante que é nestes tempos que a sociedade descubra novas formas de facer empresa e actividade económica, de forma sostible e respectuosa coas persoas e co contorno.

A intención de AESGAL con este proxecto é de continuidade, achegando a novas entidades de cara a futuras edicións para amplialo e enriquecelo.

AESGAL tamén quere agradecer a todas as persoas, institucións e empresas que colaboraron na súa difusión e que apoiaron esta iniciativa.

Pero especialmente ás empresas e entidades participantes no concurso, cheo de boas ideas que merecen difusión: Grazas.

A web de referencia desta iniciativa é visibles.aesgal.org

+ noticias >>